Ambar instalou un sistema de apoio no seu centro de recursos, grazas ó cofinanciamento da Xunta de Galicia, xestionado dende COGAMI
A Asociación Ambar das persoas con diversidade funcional puido instalar un sistema de apoio nas duchas e aseos adaptados do seu centro de recursos, grazas ó cofinanciamento da Xunta de Galicia, xestionado dende COGAMI . Esta subvención dotou ó proxecto denominado: ‘Instalación de produtos de apoio nas duchas e aseos adaptados do centro de atención diúrna’ dunha financiación de 5.635,41€.
O proxecto enmárcase dentro da ‘Liña IV: Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou con discapacidade’ e na área de actuación ‘A adquisición de subministracións, equipamentos e vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas maiores, dependentes ou persoas con discapacidade’. Esta é a liña de axudas procedente da contribución da declaración da Renda, vinculada o 0,7% do IRPF de todos os contribuíntes que marcan a recadro 106 da X solidarlia.
O obxectivo principal da instalación foi promover a autonomía persoal das persoas usuarias dos servizo de atención diúrna de Ambar facilitando os produtos de apoio necesarios para realizar actividades da vida diaria e previr situacións de emerxencia.
Esta necesidade xurde tras detectar que nos aseos non se contaba cun sistema de emerxencia que puidera ser accionado polas propias persoas usuarias. E que nas duchas, aínda que estas contan coas medidas adecuadas de accesibilidade, non dispoñen dos produtos de apoio necesario para facilitar a autonomía persoal: barras asideiras, asentos homologados e valdas para o material de aseo.
As instalacións de Ambar están deseñadas dende criterios de accesibilidade universal para dar resposta as distintas necesidades que presentan as persoas usuarias dos servizos, aínda así foi necesario mellorar e actualizar a seguridade e mellora da autonomía nos servizos hixiénicos para que poidan ser utilizados cun maior grao de autonomía polo maior número de persoas e preservando a seguridade e intimidade das mesmas.
Actualmente 65% da persoas usuarias conseguiron mellorar a súa autonomía nas actividades básicas da vida diaria realizadas no centro de recursos. Instaláronse 10 pulsadores de emerxencia con avisador luminoso e unidade de xestión nos aseos; 28 barras, 8 asentos homologados e 12 valdas.