En Ambar, traballamos cunha visión moi positiva da diversidade, porque cremos que a diversidade suma!
Poñendo á persoa como protagonista!
Que é a diversidade funcional?
É o termo que as persoas socias de Ambar escolleron para definirse porque é o que mellor representa as súas características cognitivas, físicas ou sensoriais, xa que pon o acento na diversidade de capacidades ou funcións que unha persoa pode facer e non no contrario.
Por que falamos de diversidade funcional e non de discapacidade?
Porque nos centramos no que as persoas si poden facer. Evitamos utilizar termos ou expresións que poidan levar a unha visión negativa da diversidade. Por iso, evitamos utilizar o termo dis-capacidade, xa que o seu prefixo dis- significa “dificultade ou anomalía” segundo a RAE.
É a diversidade funcional unha enfermidade?
Non. É unha condición que afecta ás funcións cognitivas, físicas ou sensoriais da persoa, que en algúns casos pode vir derivada dunha enfermidade crónica, pero non necesariamente. Polo tanto, non hai que pensar que hai que curar ás persoas con diversidade, senón prestar apoio alí onde o precisen.
Cantos tipos de diversidade funcional hai?
Podemos falar de diferentes tipos de diversidade dependendo do apoio principal que se precisa. En xeral, podemos falar de diversidade: cognitiva, aquela que necesita apoio na aprendizaxe; física, a que necesita apoio na mobilidade; ou sensorial, a que necesita apoio na comunicación.
Como se presta apoio?
Pois garantindo que as persoas con diversidade poidan desfrutar e participar da súa comunidade en igualdade de condicións que o resto das persoas cidadás.
Porque non teñen igualdade de condicións?
As persoas con diversidade non teñen igualdade no acceso dos servizos da comunidade xa que existen moitas barreiras sociais que o impiden. Polo tanto, nin os dereitos nin a súa igualdade de oportunidades están sendo garantidos no día a día.
Que barreiras pon a sociedade para as persoas con diversidade funcional?
As persoas con diversidade funcional atópanse con multitude de barreiras no seu día a día que lle impiden poder participar na vida pública. Dende barreiras arquitectónicas, como poden ser falta de instalacións accesibles, a cognitivas, como poder acceder a servizos públicos porque a comunicación non está adaptada.
Que fai Ambar para eliminar estas barreiras?
Ambar traballa prestando apoio en diferentes ámbitos da vida das persoas con diversidade funcional para que poidan acceder e desfrutar dos servizos da comunidade, teñan opcións de formación, un traballo digno, opcións de ocio inclusivo. En definitiva, o que todas as persoas queremos, unha vida feliz e plena.
Ambar na Comunidade
Servizos de Atención Diúrna
Emprego Inclusivo
Accesibilidade e Vida Independente
Queres saber máis?
Se queres obter máis información sobre que é a diversidade funcional, que facemos en Ambar e cales son os dereitos das persoas con diversidade non dubides en facer clic nas seguintes ligazóns.
Para máis información ponte en contacto con nós.