Vaciocero

Ano de “creación” 2021

Da inquietude de tres creadoras nace VACIOCERO como unha necesidade de achegar ao noso tecido cultural un espazo múltiple, colaborativo e diverso. Unha plataforma desde a cal as súas fundadoras pretenden transmitir e representar unha contorna de creación absoluta aberta a toda persoa, comunidade e disciplina para dialogar e crecer desde a arte como esa ferramenta única e transformadora á cal todas e todos debemos ter acceso.

Cada unha das fundadoras de VACIOCERO labrou unha traxectoria artística e investigadora no ámbito artístico, do deseño gráfico e da xestión cultural. Colectivo constituído por; María Gar artista gráfica, gañadora de premios notorios e Directora de Arte; Alexandra R. Rey artista e comisaria, cunha extensa traxectoria en xestión cultural; e Basilisa Fiestras escultora dedicada á creación e a investigación.

Configuran un colectivo volcado na arte e as súas múltiples posibilidades que dá os seus primeiros pasos en novembro de 2021 coa presentación do proxecto expositivo colectivo “20x30x30” en CULTURGAL Feira de industrias culturais de Galicia, inmersas na creación, este verán executarán “[Dá] terraSemente [ Dá] sementeTerra”, proxecto de convivencias artísticas e creación comunitaria coa Rede Museística Provincial de Lugo, entre outros proxectos de deseño e xestión para seguir sumando ao noso tecido cultural.

A vida de VACIOCERO comeza en 2021 cun pequeno gran proxecto “20x30x30” Exposición colectiva de obras en formato edición. Primeiro proxecto, primeiros pasos e nin un indicio de dúbida en todos e cada un dos/as arista participantes do proxecto. Cremos que non hai nada máis notorio que a confianza absoluta neste proxecto e no obxectivo común de construír para seguir crecendo e achegando. Xuntas/sómosvos máis fortes!

Na actualidade VACIOCERO atópase inmerso na proxección de diferentes propostas. Colaborando con institucións públicas e privadas, artistas, axentes culturais e particulares. Sendo desde o minuto “0” unha plataforma para todas/os.

Preguntas e respostas

Como está sendo a vosa experiencia? Traballárades anteriormente con persoas con diversidade funcional?

Ata o momento non temos máis que boas palabras, o trato, a paixón e a dedicación representan este proxecto e motivan aos seus colaboradores e colaboradoras. As integrantes de VACIOCERO consideran fundamental a horizontalidade e accesibilidade de todo proxecto ou actividade cultural eteñen traballado en diversas ocasións con colectivos con capacidades diferentes, aprendendo e sorprendéndose en cada proxecto.

Considerades que se está abrindo camiño para que as persoas con diversidade funcional poidan desenvolver ou mostrar o seu potencial artístico? Como vedes o panorama en xeral? Hai participación?

Consideramos que si, mais hai moito por facer. A Arte é esa plataforma que permite falar en múltiples formatos a todo tipo de persoa mais aló dos código convencionais. Permitindo que calquera poida asubiar, falar, ou berrar como o seu corpo e mente considere. Non é participación, pensamos que é máis unha necesidade. Toda persoa, e todo colectivo debe poder ter acceso a esta plataforma e á arte en xeral coma ferramenta propia.

Ademais de que as persoas con diversidade funcional se apoderen e enxalzar o patrimonio costeiro, que obxectivo ten a peza? Que mensaxe se quer transmitir o público?

A nosa proposta de creación pretende comprender o territorio costeiro como propio, non como espazo exento. Cada un de nós construe este espazo, ao tempo que este lugar, constrúenos a nós. Pretendemos enxalzar esa relación de respecto co territorio e coas persoas que o configuran. Xuntas/os creamos “mares diversos”.

E por último, que nos espera en Mar Diverso, algo que se poida desvelar?

Creo que o que mellor pode describir e anticipar esta peza é “novas olladas, novas construcións e novas dinámicas”. Non a perdades, vai ser especial.