Un calendario de película

O pasado 4 de Decembro, no Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal presentamos a VI Edición do Calendario Solidario de Ambar. Unha iniciativa que vimos promovendo desde o ano 2015 que celebra o cine con valores sociais.

Coa participación de case 60 persoas, o calendario deste ano destaca porque tódolos filmes pertencen ó cine español. Dentro da variedade existente de calendarios solidarios no panorama nacional, o noso é o único que a través dun traballo minucioso de caracterización, vestiario e deseño, representa carteis de películas.

Esta actividade enmarcouse nas propostas realizadas por Ambar para o 3 de Decembro, Día Internacional da Diversidade Funcional, e cuxa finalidade é fomentar o empoderamento das persoas con diversidade funcional e mostrar unha visión positiva da mesma a través da expresión artística.

O acto tomou a forma dunha pequena gala onde as persoas asistentes puideron ver en primicia tódolos carteis incluídos no Calendario. Presentouse un vídeo de todo o proceso de traballo, desde a caracterización previa á realización das propias fotos. E finalmente entregáronse uns galardóns simbólicos a tódalas persoas participantes.

Contamos coa presencia de colaboradores como Pichero Estudio Fotográfico, Academia Yara, representantes do Concello da Pobra e pola directiva de Ambar.

O calendario, nos formato de parede e sobremesa, puxéronse á venda o día 5 de decembro e os fondos recadados serán destinados a financiar proxectos para promocionar o empoderamento e inclusión das persoas con diversidade funcional.

Share your thoughts