Que pasos dar para converterse nunha empresa inclusiva?
Ser unha empresa inclusiva e aberta á diversidade é un distintivo de calidade. Converterse en inclusiva, é cuestión de considerar pequenas melloras en diferentes áreas da nosa organización: acceso ao emprego, acollida e accesibilidade.
1. Acceso ao emprego
Hai que facer especial fincapé en como describimos os postos de traballo, onde difundimos as nosas ofertas de emprego e como de accesibles son as nosas probas de selección.
A descrición do posto
É o primeiro paso para atopar á persoa candidata máis competente. Dedícalle tempo a describir ben as competencias estritamente necesarias para o posto.
Tips para crear un documento accesible
- Utilizar fontes sinxelas de ler, sen adornos: fontes sans serif.
- Tamaño da fonte: entre 12 e 14 puntos.
- Aliñado á esquerda.
- Evitar o uso da negriña, cursiva, maiúsculas e subliñados.
- Utilizar papel mate
- Utilizar unha linguaxe sinxela e clara, palabras comúns e pouco complexas.
- Salientar as competencias e as habilidades estritamente requiridas para o posto. Engadir outros requisitos como “desexables”.
- Evita solicitar requirimentos que non son necesarios para as responsabilidades do posto. Ex. carné de conducir en vez de describir o lugar de traballo.
- Dar a maior información sobre as condicións do posto, a localización, horarios, etc.
- Ofertar a descrición noutros formatos de lectura accesible.
A oferta de emprego
Opta por diferentes fontes de recrutamento para captar unha variedade ampla de talentos diversos.
- Servizo Público de Emprego de Galicia.
- Centros formativos de formación para o emprego (obradoiros de emprego, formación profesional ocupacional, etc.).
- Comparte a oferta en asociacións de persoas en risco de exclusión.
As probas de selección
Antes de que a empresa reciba á candidata ou candidato ó posto, é importante asegurarse se a persoa ten ou non necesidades de adaptación para asistir ás probas de selección e identificar cales.
- Pregúntalle á persoa candidata se necesita algún apoio para vir ás probas de selección.
- Notifica con antelación en que van consistir as probas de selección.
- Se a persoa ten diversidade auditiva, mira de fronte, xa que pode estar léndolle os beizos.
- Utiliza un ton de voz natural, e refrasea se a persoa non entende.
2. Acollida
Os procesos inclusivos, non rematan unha vez seleccionada a persoa, senón que planifican con anterioridade o proceso de acollida, e valoran se hai necesidade de facer algunha adaptación específica. O proceso de acollida pretende a máxima inclusión da persoa traballadora recen chegada á organización.
O éxito deste proceso é clave para o desempeño laboral da persoa e para a súa inclusión na cultura organizacional da empresa.
Adaptación de postos
Consiste en axustar o entorno laboral ás características da persoa con diversidade funcional, tendo en conta as súas habilidades e necesidades laborais. Para a adaptación dos postos de traballo débese ter en conta:
- Describe tarefas laborais a realizar polo traballador/a.
- Identifica equipos de traballo que debe utilizar.
- Identifica as capacidades requiridas para realizar as tarefas.
- Analiza o entorno de traballo e a súa accesibilidade.
- Axusta as competencias do traballador/a á tarefa.
- Como recomendación, é convinte establecer un protocolo de valoración e asignación de recursos para a adaptación de postos de traballo.
3. Accesibilidade
Comprobar que o entorno da empresa é accesible para tódalas persoas, incluídas aquelas que teñan mobilidade reducida. Asegúrate de que as instalacións son accesibles e facilitadoras do tránsito polos diferentes espazos da empresa.
- Chans: Consistentes, antiesvarantes e sen resaltes.
- Ramplas: Sempre que exista un acceso mediante escaleiras debe existir un acceso alternativo mediante rampla.
- Ascensores: Adaptados e amplos, que permitan o fácil acceso.
- Portas: Apertura cara o exterior e medidas mínimas de anchura de 0,80m.
- Mobiliario: Favorecer unha boa distribución non obstaculízante e que axude a liberdade de paso.
- Mostradores de recepción: Accesibles para persoas en cadeira de rodas.
- Lavabos: Que conten cun espazo que permita a aproximación dunha cadeira de rodas de 0,80m., e non supere os 0,85m. de alto. As billas de presión ou panca.
- Verifica que as instalacións conten con recursos axeitados para solucionar as barreiras de comunicación.