Porque contratar unha persoa con diversidade?

Contratar persoas con diversidade ten un impacto positivo na túa empresa. Terás un beneficio non só a nivel fiscal tamén gañaras en eficiencia e produtividade.

Cales son os beneficios da diversidade?

1. Diversificación do público

Os clientes actuais son máis esixentes ca nunca e requiren unha atención máis personalizada. Polo tanto é necesario incluír diferentes perspectivas na creación de produtos, para que estean máis orientados a públicos diversos. Coa contratación de persoas con diversidade funcional, a empresa empezará a reflexar a diversidade existente na sociedade e gañará diferentes opinións e puntos de vista que van enriquecer a maneira de facer dos proxectos e produtos da empresa.

2. Mellora da imaxe corporativa

Contratar persoas con diversidade mellora notablemente a imaxe de empresa ante diferentes públicos (empregados, clientes, distribuídores…. ) e serve para distinguirse como un referente no seu sector

Cada vez son máis as empresas que analizan nalgún grao o impacto que os seus servizos e produtos están a ter na comunidade a través das súas estratexias de Responsabilidade Social Empresarial (RSE)

Unha empresa socialmente responsable ten unha misión e visión empresarial onde os obxectivos económicos se aliñan cos obxectivos sociais. É dicir, os produtos e servizos que a empresa pon no mercado abarcan unha dobre intención, non soamente consolidan a súa misión comercial senón que crean un impacto positivo na comunidade na que operan. 

3. Marketing menos custoso e máis rentable

Unha empresa socialmente responsable ten a capacidade de convencer ó seu cliente, non soamente a través do seu produto, senón usando a súa estratexia social. Isto supón unha estratexia de marketing máis rentable e menos custosa, xa que cada acción social que fai contribúe a axudar á venda dos seus produtos.  

A tendencia actual é que as marcas teñan uns valores sociais que compartan cos clientes, cos seus propios empregados e coa comunidade en xeral, é o que se coñece como “activismo de marca”.

Este compromiso reflíctese no produto da empresa, diferenciándose da competencia, xa que presenta un valor social. Ao consumidor parécelle mais atractivo un produto social, posto que sinte que mercándoo tamén está colaborando na inclusión laboral, realizando así unha labor de mellora na súa comunidade.  

4. Mellora do clima e da cultura laboral

Ese compromiso coa sociedade e coas persoas con diversidade funcional interpretase como un elemento moi positivo polos empregados da empresa, xa que se percibe que a organización se preocupa polas persoas, e que o capital humano é un eixe central no desenvolvemento da empresa. 

.  

Deste xeito conséguese un dobre obxectivo: mellorar o clima laboral e potenciar a cultura interna da empresa a través de valores compartidos entre as persoas empregadas. Este estratexia interna incrementa a motivación e o compromiso das persoas traballadoras. Serán estas as que sentíndose orgullosas da empresa na que traballan, operen como embaixadoras da súa marca tanto dentro coma fóra.

5. Unha empresa resolutiva

O profesional que se busca no futuro é unha persoa que se pode adaptar a diferentes situacións e que saiba resolver problemas de maneira creativa. O talento das persoas traballadoras con diversidade funcional refléxase na variedade de competencias e habilidades persoais que desenvolveron ó longo das súas vidas, ó ter que loitar polos seus dereitos e sortear obstáculos constantemente. Estas habilidades crean un perfil profesional moi a valorar dentro do actual mercado tan competitivo.  

As persoas con diversidade funcional, son persoas resolutivas acostumadas a vencer obstáculos no día a día. Ademais son eficaces na xestión do tempo posto que cada actividade que realizan téñena que planificar con anterioridade, xa que a oferta de servizos accesibles non é abundante, polo cal se ven obrigadas a planificar no día a día. Estas características, reforzan moitas das súas habilidades persoais, son moi comprometidas con aqueles que lle brindan o seu apoio.

6. Incentivos á contratación

A administración pública (Estatal e Autonómica) contempla varias axudas e subvencións á contratación de persoas con diversidade funcional co obxectivo de incentivar a súa inclusión na empresa. Estas axudas suponen un aforro considerable dos custes salariais para a empresa, o cal acaba promocionando de maneira positiva a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional.

7. Adxudicación preferente en contratos públicos

A administración pública pode establecer coma un criterio de adxudicación preferente en contratos públicos, a aquelas empresas que teñan incorporados no seu cadro de persoal persoas con diversidade funcional. Esta adxudicación preferente, está recollida na  Disposición Adicional Sexta da Lei 30/2007 do 30 de outubro, que regula a “Contratación con empresas que teñan no seu cadro de persoal persoas con discapacidade ou en situación de exclusión social e con entidades sen ánimo de lucro”.

Concretamente na comarca do Barbanza a maior parte da licitación pública provén da administración local. Tomando como fonte as cláusulas administrativas dos procesos de licitación dos concellos da comarca, obsérvase que se recolle este suposto como criterio a valorar en caso de empate de ofertas.  

Tamén se observa que velan polo cumprimento da cota de reserva do 2% de postos de traballo a persoas con diversidade funcional, en empresas con 50 ou máis traballadores (art. 42, RDL 1/2013 do 29 de novembro). 

Nos procesos de licitación pública dos concellos esíxeselle como requisitos ás empresas a “garantía” ou unha “declaración” da porcentaxe de empregados con diversidade funcional que ten o seu equipo de traballo.