Oferta de emprego: Traballador/a Social
Benvido/a e gracias polo teu interese no posto de Traballador/a Social. Este documento inclúe información sobre este posto laboral, o que facemos en Ambar, e os requisitos para postular a esta oferta.
Esperamos que esta información che axude a decidir se este posto é do teu interese.
Sobre Nós
Ambar é a asociación pioneira da Barbanza que traballa polos dereitos das persoas con diversidade funcional dende 1982. Traballamos dende fai máis de 40 anos polo propósito de impulsar vidas independente en comunidade.
Para acadar isto, Ambar presta apoio ás persoas con diversidade en diversas fases da súa vida, asegurando que participan do servizos e recursos da sociedade, co apoio necesario, para que vivan a vida que queren vivir.
Algunha das áreas e servizos que abarca Ambar son:
- Facilitación de apoios ás persoas que asisten ós Servizos de Atención Diúrna, para que participen en actividades na comunidade e nos servizos de toda a cidadanía.
- Proxectos orientados á inclusión da persoa nos mesmos ámbitos e espazos que o resto da cidadanía: iWork, EduDiversa, Mar Diverso,…
- Orientación e inserción sociolaboral a través do servizo colaborador co SEPG.
- Fomento da Accesibilidade Universal a través de asesoramento á sociedade civil e administracións públicas.
Ambar está a vivir unha etapa moi ilusionante trala creación do Plan estratéxico 2021-2023, que marca as próximas prioridades da organización moi en liña coa Convención de Dereitos das persoas con diversidade da ONU e a Estratexia Europea, que promoven obxectivos de desistitucionalización a prol da transición a ofrecer servicios na comunidade. Neste sentido estamos redefinindo os nosos servizos para reorientalos aínda máis á comunidade e asegurarnos que as persoas con diversidade participan en igualdade de condicións co resto de persoas cidadás.
Como presentarse a esta oferta
Se pensas que esa persoa, poderías ser ti, envíanos unha carta de motivación, onde fales da túa experiencia e o teu currículo á seguinte dirección de correo electrónico talento@asociacionambar.org. A data límite é o xoves 9 de novembro.
As entrevistas por competencias realizaranse aproximadamente os días 13 e 14 de novembro. Polo volume de candidaturas que recibimos vémonos na imposibilidade de respostar a aquelas persoas que non son preseleccionadas para a fase de entrevistas.
Información accesible
A Asociación Ambar é unha organización que celebra a diversidade e a igualdade de oportunidades no ámbito laboral. Se necesitas información accesible noutros formatos non dubides en poñerte en contacto con nós nos seguintes teléfonos: 981 875 475 ou 607 356 550 (What’s App)
Moitas gracias e esperamos saber pronto de ti!
Descrición do posto
Área: Atención ás persoas con diversidade funcional | |
Lugar de traballo: Centro de Recursos Ambar da Barbanza, Lg. de Granxa, 5 – San Roque, 15967 Ribeira | |
Duración: Permiso de maternidade, posibilidade de continuidade |
Sobre o posto
O posto de Traballador/a Social é esencial no desenvolvemento dos servizos de Atención Diúrna (Centros de día e Ocupacional), xa que coñece as persoas usuarias e as súas necesidades, así como ás familias; xestiona a admisión das persoas e asegura que a acollida se faga da mellor maneira posible. É un posto moi orientado a detectar necesidades sociais das persoas ás que prestamos servizo, para o cal son necesarias habilidades de empatía, asertividade, serenidade e resolución das situacións que se dan no día a día.
Misión
A misión deste posto é a de prestar apoio ás persoas con diversidade e ás súas familias nas necesidades sociais que presenten, e asegurar que se lle dan resposta dende os servizos de Atención Diúrna.
Para acadar esta finalidade, o/a profesional levará a cabo os seguintes obxectivos:
- Exercer as funcións de Traballador/a Social, promovendo unha moi boa comunicación coas persoas usuarias e as súas familias.
- Colaboración en proxectos ou programas para a promoción da autonomía das persoas con diversidade.
- Conseguir a satisfacción das persoas usuarias á vez que se logran os obxectivos individuais das mesmas.
Responsabilidades
- Proporcionar información e asesoramento sobre os servicios de Atención Diúrna e levar a cabo trámites necesarios para a incorporación a estes servizos.
- Prestar atención social individualizada ás persoas usuarias e familiares, proporcionando información, asesoramento e orientación sobre os dereitos e recursos sociais.
- Cultivar unha excelente comunicación cos diferentes servizos sociais vinculados a atención diúrna: locais, comarcais e autonómicos.
- Participar na elaboración, desenvolvemento e avaliación dos Plans Individuais de Apoio (PIA), xunto co equipo multidisciplinar.
- Manter informados ás familias de calquera incidencia ou cambio na rutina diaria.
- Realizar o trámite para a concesión de axudas ou subvencións necesarias para o mantemento dos servizos.
- Deseño, implantación e avaliación de programas e proxectos vinculados coas persoas usuarias e as súas familias.
- Coñecer e colaborar co/a responsable de calidade para acadar a efectividade do Sistema de Xestión de Calidade.
Especificacións da persoa solicitante do posto
Formación e experiencia
- Grao en Traballo Social.
- Estar colexiado/a.
- Experiencia específica en diversidade funcional, de apoios e axustes necesarios.
- Experiencia en traballar en servizos sociais ou areas relativas e traballar de cara a persoas usuarias e familias.
- Coñecemento de escalas e métodos de avaliación aplicadas na diversidade e baseados na prestación de apoios.
- Experiencia en liderar de maneira autónoma proxectos, e levar a cabo xustificacións a diferentes financiadores.
- Manexo de medios e plataformas dixitais
- Bo nivel de galego, tanto na escrita como no oral.
- Valorarase positivamente coñecemento e emprego da Lingua de Signos Española.
Habilidades persoais e outros
- Excelentes habilidades de empatía, comprensión da información verbal e non verbal.
- Boas habilidades de traballo en equipo e comunicación asertiva.
- Excelente capacidade para a xestión emocional, e capacidade para afrontar situacións e contratempos con serenidade.
- Boas habilidades para a resolución de dificultades sempre primando o benestar da persoa usuaria.
- Boas habilidades de comunicación con diferentes perfís de persoas beneficiarias e colaboradoras.
- Capacidade de mellora, ir sempre máis alá, e intentar mellorar proxectos e resultados.