Oferta de emprego: Profesional de apoio a persoas con diversidade

Benvido/a e gracias polo teu interese no posto de Profesional de apoio a persoas con diversidade . Este documento inclúe información sobre este posto laboral, o que facemos en Ambar, e os requisitos para postular a esta oferta.

Esperamos que esta información che axude a decidir se este posto é do teu interese, e saber pronto de ti!

Sobre Nós

Ambar é a asociación pioneira no Barbanza traballando polos dereitos das persoas con diversidade funcional dende 1982. Traballamos dende fai máis de 40 anos para lograr unha comunidade na que as persoas con diversidade funcional teñan igualdade de oportunidades, que as súas contribucións sexan valoradas e os seus dereitos respectados.  

Para acadar isto, traballamos: 

  • prestando apoios para mellorar a calidade de vida a través do deporte inclusivo e das actividades de ocio, 
  • impulsamos o apoderamento das persoas con diversidade a través da expresión artística e da creatividade, 
  • aportamos ferramentas para promover a autonomía persoal nos obradoiros ocupacionais do Servizo de Atención Diúrna, 
  • facilitamos a vida independente dentro da comunidade a través do programa de vivenda con apoio, 
  • formamos e promovemos o emprego digno na comarca. 

Sobre o posto de traballo

A persoa que desenvolve este posto ten a vantaxe de estar en contacto coa persoa con diversidade e coa información aportada polo equipo profesional dotándose de todas as ferramentas para apoiar a autonomía persoal da persoa. Coñece e observa de primeira man os logros que cada día se acadan no desenvolvemento persoal e profesional. 

Se es unha persoa con ilusión por dar valor á diversidade, este traballo é para ti. 

Descrición do posto

Posto: Profesional de apoio a persoas con diversidade

Área: Servizos de Atención Diúrna 
Dependente de Coordinación dos Servizos de Atención Diúrna.

Lugar de traballo: Desprazamentos ós Concellos de Pobra, Porto do Son e Rianxo.  
Centro de Recursos da Barbanza en Ribeira.  

Duración: substitución por permiso de maternidade.
6 meses, con posibilidade de prórroga. Xornada completa.
Horario: De luns a venres de 8:30 – 17h. 
Salario base: Grupo III. Técnico do XV Convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade. 

Misión do posto

A misión deste posto é promover e deseñar actividades de inclusión social co fin de apoiar o desenvolvemento persoal e mellorar a calidade de vida das persoas usuarias dos Servizos de Atención Diúrna. 

Para acadar esta finalidade, o/a profesional de apoio levará a cabo os seguintes obxectivos: 

  1. Velar pola promoción da autonomía das persoas con diversidade en todas as actividades propostas. 
  1. Prestar o apoio necesario á persoa con diversidade para levar a cabo accións de promoción de autonomía persoal baseadas no Plan individual de Atención. 
  1. Conseguir a satisfacción das persoas usuarias á vez que se logran os obxectivos individuais das mesmas. 

Responsabilidades

  1. Apoiar á persoa con diversidade para que poida participar nas accións diarias: actividades deportivas, de lecer, actividades da vida diaria e transporte.  
  1. Traballar en equipo co resto de compañeiros/as para que a persoa con diversidade poida desfrutar o máximo posible das actividades nas que participa. 
  1. Identificar áreas de mellora e facer propostas de accións innovadoras nas áreas de traballo da entidade. 
  1. Levar a cabo os deberes e responsabilidades deste posto en conformidade cos valores, normas e procedementos da organización. 

Especificacións da persoa solicitante do posto

Formación e experiencia

  1. Formación en atención á diversidade. Valorarase as especialidades que traballan directamente con persoas con diversidade funcional: atención sociosanitaria, integración social, profesorado especialidade diversidade, educación social,ou outras relacionadas. 
  1. Experiencia de traballo con persoas con diversidade, especialmente persoas con TEA.  
  1. Carné de conducir tipo B1. 
  1. Certificado de manipulador de alimentos. 
  1. Dispoñibilidade horaria. 
  1. Formación en monitor de tempo libre, valorarase positivamente. 
  1. Coñecemento e emprego da Lingua de Signos Española, valorarase positivamente. 
  1. Será necesario atoparse de alta no servizo público de emprego no momento da contratación. 

Habilidades e outros

  1. Excelentes habilidades de empatía, comprensión da información verbal e non verbal. 
  1. Excelente capacidade para a xestión emocional,  e capacidade para afrontar situacións e contratempos con serenidade. 
  1. Boas habilidades para a resolución de dificultades sempre primando o benestar da persoa usuaria. 
  1. Coñecemento da diversidade funcional, e os apoios e axustes necesarios para a formación. 
  1. Capacidade de mellora, ir sempre máis alá, e intentar mellorar proxectos e resultados. 

  

Como presentarse a esta oferta

Se pensas que esa persoa, poderías ser ti, envíanos unha carta de motivación, onde fales da túa experiencia na área de emprego, inserción laboral e como preparador/a laboral e o teu currículo a seguinte dirección de correo electrónico correo@asociacionambar.org. A data límite é o 20 de abril.  

As entrevistas por competencias realizaranse ata o 27 de abril, e a data de incorporación ao posto será o 2 de maio. Polo volume de candidaturas que recibimos vémonos na imposibilidade de respostar a aquelas persoas que non son preseleccionadas para a fase de entrevistas.

A Asociación Ambar é unha organización que celebra a diversidade e a igualdade de oportunidades no ámbito laboral. Se necesitas información accesible noutros formatos non dubides en poñerte en contacto con nós nos seguintes teléfonos: 981 875 475 ou 607 356 550 (What’s App) 

Moitas gracias e esperamos saber pronto de ti!