Oferta de emprego: Orientador/a Laboral

Benvido/a e grazas polo teu interese no posto de Orientador/a Laboral . Este documento inclúe información sobre este posto laboral, a asociación, e os requisitos para postular a esta oferta.

Esperamos que esta información che axude a decidir se este posto é do teu interese.

Descrición do posto: Orientador/a laboral


Área: Emprego

Lugar de traballo: Centro de Recursos Ambar da Barbanza (Frións – Ribeira)

Duración: permiso de paternidade, tempo completo (en varios periodos)
Inicio: a partir de mediados de maio

Sobre o posto de traballo

Ambar busca un/ha Orientador/a laboral como parte do servizo que presta  en colaboración co Servicio de Orientación Laboral da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade.

Para poder ser seleccionado/a será requisito cumprir unha puntuación mínima tal como esixe a orde que rexe este posto (Artigo 13 da Orde do 23 de decembro de 2020 de contratación de persoal técnico  de orientación laboral). Esta puntuación débese acreditar con documentación debidamente certificada como experiencia laboral, títulos de formación, etc.

Necesitase obter unha puntuación mínima de 3,5 puntos (Ver anexo ou artigo 13 da orde). Se a persoa candidata xa foi contratada baixo esta orde, pode especificar que xa conta cun currículo baremado.

(Ver a baremo).

Misión e obxectivos do posto

A misión deste posto é a de orientar e apoiar na busca de emprego a persoas con diversidade a través do uso de ferramentas de orientación así como a prospección de empresas.

Para acadar esta finalidade, o/a profesional levará a cabo os seguintes obxectivos:

  1. Realizar as citas de orientación, información e asesoramento atendendo as demandas das persoas usuarias do servizo.  
  2. Xestionar o aplicativo de orientación (xestión de axenda, citas de atención e rexistro).

Responsabilidades

De acordo co previsto no artigo 3 da Orde do 23 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2021, os servizos e funcións que preste o persoal técnico contratado deberán axustarse ao establecido no artigo 8 do Real decreto 7/2015, do 16 de xaneiro, polo que se aproba a carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego, incluíndo as seguintes actividades:

a) Diagnóstico individualizado e elaboración do perfil ocupacional da persoa demandante de emprego.

b) Deseño do itinerario personalizado para o emprego.

c) Acompañamento personalizado no desenvolvemento do itinerario e o cumprimento do compromiso de actividade.

d) Deseño, planificación e execución de accións grupais de orientación laboral que poidan ser de interese, en función dos perfís das persoas orientadas, tanto para mellorar a eficiencia do servizo como para fomentar a interrelación e o intercambio de experiencias entre elas.

 e) Asesoramento e axuda técnica adicional para:

1.º. A definición do seu currículo, que reflicta o seu perfil profesional en termos de competencias profesionais.

2.º. A aplicación de técnicas para a procura activa de emprego.

 f) Información e asesoramento adicional sobre:

1.º. A situación do mercado de traballo e as políticas activas de emprego que poidan resultarlles de utilidade ás persoas demandantes de emprego para incrementar as súas posibilidades de empregabilidade.

 2.º. A oferta formativa e os programas que faciliten a mobilidade para a formación e cualificación europeas.

3.º. A posta en marcha de proxectos emprendedores ou de emprego autónomo, así como os recursos de apoio de todo tipo dispoñibles no seu contorno para un asesoramento ou acompañamento máis especializado.

g) Apoio á xestión da mobilidade laboral.

 h) Coordinación e colaboración co resto de persoal de orientación laboral e coa Rede de técnicos de emprego de Galicia para o intercambio de información e boas prácticas no eido do emprego, o emprendemento e a análise e prospección do mercado laboral.

i) Mellora continuada das súas propias competencias e recursos profesionais para a orientación laboral a través da participación nas accións de formación e capacitación específicas que se determinen desde a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

 j) Calquera outra propia da súa capacitación profesional, e vinculada co eido competencial no que se integra.

Especificacións da persoa solicitante do posto

Formación e experiencia

  1. Contar coa formación e experiencia especificada no artigo 13 desta Orde
  2. Experiencia como persoal orientador ou postos de emprego similares á solicitada.
  3. Valorase positivamente experiencia en traballar con persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión.

Habilidades e outros

  1. Excelentes habilidades de comunicación, con capacidade para levar sesións de orientación, información e asesoramento con dinamismo e fomentando a toma de decisións da persoa demandante de emprego.
  2. Autonomía na xestión de citas de orientación e seguimento das persoas usuarias do servizo.
  3. Capacidade para afrontar situacións e contratempos con serenidade.
  4. Excelente uso do galego, tanto no oral como na escrita.
  5. Capacidade de crear e manter boas relacións coas empresas, así como familias das persoas con diversidade.
  6. Capacidade de mellora, ir sempre máis alá, e intentar mellorar proxectos e resultados.

Como presentarse a esta oferta

Se estás interesado/a en postular á esta oferta, envíanos unha carta de motivación e o teu currículo a través do seguinte formulario.

Na carta de motivación, identifica ben “as especificacións da persoa solicitante”, xa que son necesarias para poder valorar a túa candidatura.

O prazo para enviar a túa candidatura é ata o 12 de maio de 2022

    * Anexa a Carta de motivación

    * Anexa o Currículo

    Sobre Ambar

    A Asociación Ambar  das Persoas con Diversidade Funcional é a asociación pioneira na comarca da Barbanza traballando polos dereitos das persoas con diversidade funcional dende 1982. Traballamos día a día para lograr unha comunidade na que as persoas con diversidade funcional teñan igualdade de oportunidades, que as súas contribucións sexan valoradas e os seus dereitos respectados.

    Para acadar isto, traballamos:

    • prestando apoios para mellorar a calidade de vida a través do deporte inclusivo e das actividades de ocio,
    • impulsamos o ampoderamento a través da expresión artística e da creatividade,
    • aportamos ferramentas para promover a autonomía persoal nos obradoiros dos Servizos de Atención Diúrna,
    • facilitamos a vida independente dentro da comunidade,
    • formamos e promovemos o emprego digno.

    Se es unha persoa con ilusión por dar valor á diversidade, este traballo é para ti. 

    Comprometidas e comprometidos pola igualdade de oportunidades

    A Asociación Ambar é unha organización que celebra a diversidade e a igualdade de oportunidades no ámbito laboral. Se necesitas información accesible noutros formatos non dubides en poñerte en contacto con nós nos seguintes teléfonos: 981 875 475 ou 607 356 550 (WhatsApp).

    Moitas grazas e esperamos saber pronto de ti!