Oferta de emprego: Educador/a (Oferta pechada)
Benvido/a e gracias polo teu interese. A continuación atoparás a información sobre este posto laboral, a asociación e o que facemos, e os requisitos para postular a esta oferta. Esperamos que esta información che axude a decidir se este posto é do teu interese.
Sobre nós
A Asociación Ambar é a asociación pioneira na Barbanza traballando polos dereitos das persoas con diversidade funcional dende 1982. Traballamos día a día para lograr unha comunidade na que as persoas con diversidade funcional teñan igualdade de oportunidades, que as súas contribucións sexan valoradas e os seus dereitos respectados. Para acadar isto, traballamos:
- prestando apoios para mellorar a calidade de vida a través do deporte inclusivo e das actividades de ocio,
- impulsamos o empoderamento das persoas con diversidade a través da expresión artística e da creatividade,
- aportamos ferramentas para promover a autonomía persoal nos obradoiros ocupacionais do Servizo de Atención Diúrna,
- facilitamos a vida independente dentro da comunidade a través do programa de vivenda con apoio,
- formamos e promovemos o emprego digno na comarca.
Descrición do posto: Educador/a
Área: Servizos de Atención Diúrna | |
Lugar de traballo: Centro de Recursos da Barbanza, Lg. de Granxa, 5 – San Roque, 15967 Ribeira | |
Duración: 3 meses, xornada completa | |
Salario base: Titulado nivel 1 (Grupo III), do XV Convenio colectivo xeral de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade |
Misión e obxectivos xerais do posto
A misión deste posto é a de promover actividades para apoiar o desenvolvemento persoal e mellorar a calidade de vidas persoas con diversidade.
Responsabilidades
- Deseño e implementación de actividades para a promoción de autonomía baseadas no Plan Individual de Atención da persoa usuaria.
- Colaboración na execución de accións de inclusión no ámbito educativo no marco do proxecto EduDiversa.
- Colaborar como membro do equipo na realización de actividades de lecer, apoio en tarefas relacionadas coas AVD (actividades da vida diaria) e transporte.
Aquelas outras responsabilidades que sexan necesarias para levar a cabo o obxectivo do posto laboral.
Especificacións da persoa solicitante do posto
Formación e experiencia
- Formación e experiencia en atención á diversidade. Valorarase experiencia nas especialidades que traballan directamente con persoas con diversidade funcional: psicopedagoxía, orientación educativa, profesorado de educación especial, etc.
- Coñecementos de novas tecnoloxías aplicadas á educación.
- Experiencia na avaliación de necesidades e elaboración de informes.
- Coñecemento e emprego da Lingua de Signos Española, valorarase positivamente.
Habilidades
- Excelente capacidade para a xestión emocional, e capacidade para afrontar situacións e contratempos con serenidade.
- Excelentes habilidades de comunicación escrita e verbal, en galego (lingua preferente) e castelán; valorarase de maneira positiva o coñecemento de inglés ou outras linguas.
- Proactividade e iniciativa na creación e implementación de proxectos, incluíndo elaboración de informes e xustificacións.
- Capacidade de mellora continua, ir sempre máis alá, e intentar mellorar resultados.
- Coñecemento ou intereses persoais por áreas artísticas como a música, danza, teatro valorarase positivamente
Moitas grazas e esperamos saber pronto de ti!