Fran Sieira

Ribeira (1990)

Bailador dende os 8 anos na ‘Escola de Música tradicional Tahúme’ de Ribeira. No 1997 comeza o seu camiño como bailador titular deste mesmo grupo.

No 2003 consolida a súa formación como bailador no ‘Grupo para a recuperación de Bailes, Músicas e Cantares tradicionais da ACF O Fiadeiro’ de Vigo, e ademais asume a dirección artística do ‘Grupo de Baile e Música tradicional Tahúme’. Do 2004 ó 2009 pasa a formar parte do equipo da ‘Escola da ACF O Fiadeiro’ como mestre de baile tradicional. E no 2009 nace a ‘Asociación Cultural Traspés’ na que asume a dirección artística.

Dentro da súa experiencia cabe destacar a de bailador do espectáculo “Isolma” (2007) da compañía de baile ‘GS21’, “Alén da Croa” (2012) da compañía Quique Peón Cía, e “Son”(106) na compañía ‘Nova Galega da Danza’

En novembro do 2017 crea o seu propio proxecto profesional, Fran Sieira, compañía de danza, onde utiliza o baile tradicional galego como o seu principal mecanismo de expresión pero dende un marco contemporáneo. Estrea en abril do 2018 o seu primeiro espectáculo “EntreSoños. Despois de tres anos en xira con vinte e tres funcións por todo Galicia, sendo no ano 2019 o espectáculo de danza máis programado a través da RGTA, e representando a nosa cultura en Toledo no Festival de danza “Escena Patrimonio 2019”, nace un novo proxecto, “DeMente”, estreado en abril de 2021, xirando na actualidade por toda Galicia, e participando en varios festivais nacionais a través da “Red a Cielo Abierto”, así como no Festival Intercético de Lorient 2022 coa súa versión de rúa.

Preguntas e respostas

Como está sendo a túa experiencia? Traballaras anteriormente con persoas con diversidade funcional?

Para min é a primeira vez que traballo con persoas con diversidade funcional e teño que recoñecer que me sorprendeu moito. Tiña, e quizais ainda teña certo medo a non saber como abordalo, para min está sendo todo un reto co que me estou levando cousas moi boas.

A parte o grupo é super xeneroso comigo, están super predispostas a facer o que lles mandas, son artistas, eso é innegable e non dubidan nin por un segundo en facer todo canto a peza lles requira, ogallá eu fora tan valente.

Consideras que se está abrindo camiño para que as persoas con diversidade funcional poidan desenvolver ou mostrar o seu potencial artístico? Como ves o panorama en xeral? Hai participación?

Pois non sabería decirche se se esta abrindo o camiño suficiente, penso que nunca é suficiente. Iniciativas como estas deberia haber máis, por suposto. Pero penso que pouco a pouco, pasiño a pasiño conseguiremos abrirnos camiño para a integración das artistas con diversidade funcional. Dende logo, para min hai un potencial moi grande por explorar.

Ademais de que as persoas con diversidade funcional se apoderen e enxalzar o patrimonio costeiro, que obxectivo ten a peza? Que mensaxe se quer transmitir o público?

Para min a peza fala de mar, de brisa, de praia, de traballo, de lecer. Todos esos sentimentos que para min neste caso me desperta a nosa Costa Galega, que é marabillosa, envidia de moitas e moitos. Para min un dos nosos grandes tesouros.

E por último, que nos espera en Mar Diverso, algo que se poida desvelar?

Esperamos transportarvos a outro lugar, outro momento, incluso outros tempos. Facervos disfrutar do noso Mar Diverso a través de inspiracións de danzas mariñeiras, de muiñeiras, maneos e xotas cheas de creatividade.