Elas: Danza e coloquio en prol da igualdade e a loita contra a violencia de xénero
O pasado sábado 23 de Novembro ás 20:00h na Casa da Cultura do Porto do Son, volvemos con “Elas”. Unha peza de danza e coloquio que escenifica a capacidade de empoderamento das mulleres, concretamente das artistas con diversidade funcional da Asociación Ambar que a protagonizan. Con esta acción queremos recalcar a importancia de visibilizar as desigualdades de xénero e loitar contra a violencia exercida ás mulleres.
O acto comezou coa charla impartida pola Asociación feminista Muchachas que achegou ó público unha presentación sobre empoderamento e violencia de xénero centrada nos falsos mitos e crenzas que a rodean.
De seguido demos paso á propia actuación de danza, nacida da colaboración coa coreógrafa Clara Ferrao e as artistas do grupo de artes escénicas de Ambar.
Rematamos o acto cun coloquio no que as súas protagonistas amosáronnos un vídeo de todo o proceso de traballo realizado e da experiencia vivida. Este vídeo recolle os obradoiros iniciais onde se involucraron ós Centros de Información á Muller (CIMs) das comarcas Barbanza, Sar, Muros e Noia.
Esta acción foi promovida pola Axencia de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia a través do Asociación de Desenvolvemento Local DELOA.
No acto estiveron presentes representantes políticos dos diferentes concellos que representa a Asociación DELOA (Barbanza, Sar, Muros e Noia), entre eles o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo. acompañados por Paca Gago, xerente da Asociación DELOA, e representantes da directiva de Ambar.
Desde Ambar temos o compromiso coa comunidade de xerar proxectos que visibilicen, reivindiquen e avoguen polos dereitos de todas as persoas, loitando contra as desigualdades e favorecendo un diálogo a prol da inclusión social.