Como somos as nenas e nenos con TEA?
A continuación enumeramos algunhas das características que poden ter as nenas e nenos con TEA e como prestarlles apoio.
Son unha persoa con pensamento visual.
Comprendo mellor a información se ma explicas/expós de maneira visual: con obxectos reais, imaxes ou pictogramas.
Son unha pensadora literal
Explícame os dobres sentidos e as frases feitas. Emprega unha linguaxe moi clara e concreta
Gústanme as rutinas, cóstame adaptarme aos cambios
Anticípame os cambios para que poda prepararme.
Gústame a orde
Organiza o ambiente, as actividades e respecta as miñas rutinas. Para min son fundamentais.
Podo presentar unha sensibilidade sensorial moi grande a ruídos, luces, texturas, cores
Ten en conta a miña sensibilidade á hora de organizar o ambiente e as tarefas da aula.
Cóstame imaxinar o que estás pensando e o que esperas de min
Dime directamente o que queres que faga, en positivo: “Colle o teu horario”. Non me digas o que non queres que faga.
Adoito ser moi sincero sen ter en conta as normas sociais
Non te enfades se digo algo inadecuado. Explícame como expresalo doutro xeito.
Podo ter gustos e intereses apaixonantes
Se te interesas por coñecelos, podo compartilos contigo.
Quero ter amizades, coma todo o mundo, pero ás veces é difícil para min conseguilo
Ensíname trucos, explícame como debo comportarme, invítame a xogar e compartir momentos.
Eu, coma ti, teño fortalezas e debilidades, non somos tan diferentes, verdade? 🙂