Mar Diverso é un festival de artes inclusivas promovido pola Asociación Ambar que nace co obxectivo de poñer en valor o patrimonio e a cultura tradicional mariñeira de maneira inclusiva a través da creación artística de persoas con diversidade funcional.
Como nace Mar Diverso?
O noso patrimonio costeiro
Este proxecto pon en valor o patrimonio costeiro cunha perspectiva diversa, promovendo accións artísticas en espazos singulares. O proxecto enxalza o patrimonio material e inmaterial costeiro a través da expresión artística das persoas con diversidade e dos e das profesionais no eido das artes plásticas e escénicas.
O festival terá lugar en diferentes lugares do noso patrimonio cultural e que pertencen ao GALP Ría de Arousa. Promovendo que se visibilice tanto o patrimonio como as manifestacións artísticas.
Mar Diverso contribúe á visión de futuro da estratexia EDLP fomentando que toda a Ría de Arousa se vexa de maneira integrada de cara á dinamización do territorio.
Apostando polos talentos diversos!
No proxecto está moi presente o valor de promoción da accesibilidade e a inclusión social e ó mesmo tempo inclúe tanto a persoas con diversidade funcional como a toda a sociedade, fomentando unha inclusión social efectiva e en igualdade de condicións e oportunidades.
As persoas participantes teñen moitas inquietudes e intereses artísticos como a performance, a danza, a escultura e a pintura.