Como facer a oferta de emprego accesible?
Para que unha oferta de emprego chegue ó maior número de persoas posible, e deste xeito, aumenten as posibilidades de que a empresa atope á candidata ou candidato ideal, é necesario que dende o inicio a oferta de emprego sexa accesible a tódalas persoas, é dicir, pensar sempre na accesibilidade a priori.
Léctura fácil
A lectura fácil garante a accesibilidade cognitiva e a comprensión do entorno e a información a tódalas persoas, consiste no uso de diferentes técnicas que facilitan a lectura de documentos, para iso, é importante coidar a forma e os contidos dos textos que se presentan.
As pautas máis importantes para realizar textos neste formato, son:
- Utilizar unha linguaxe sinxela e clara, evitar terminoloxía ou palabras complexas.
- Crear frases curtas, escribir máximo unha idea por liña.
- Utilizar títulos atractivos mediante os cales teñamos información clara do contido.
- Poñer a información importante ó principio, incluíndo imaxes e/ou pictogramas á esquerda do texto para apoiar o contido do mesmo e facilitar a súa comprensión.
Crea documentos accesibles
Os documentos escritos son un recurso básico indispensable para informar, comunicar, publicitar ou educar e, como mencionamos anteriormente, a forma principal de presentar unha oferta de emprego. A forma de deseñar estes documentos, fará que sexan ou non accesibles a tódalas persoas.
Algúns dos criterios fundamentais para facer os documentos accesibles son:
- Utilizar fontes sinxelas de ler, sen adornos que dificulten o recoñecemento das letras (fontes sans serif), os tipos de fontes recomendables son: Arial, Verdana ou Century Gothic.
- O tamaño de fonte será entre 12 e 14 puntos.
- Evitar o uso de negriñas, cursivas ou maiúsculas fóra da norma.
- Se a oferta está impresa en papel, intentarase que o papel sexa mate, sen brillos ou plastificados que produzan reflexos.
- Utilizar contraste entre o fondo e a cor da letra; os mellores contrastes obtéñense con fondo branco ou pastel, e con letra en negro.
- O texto non se xustificará a ambos lados, aliñarase á esquerda para facilitar que tódalas persoas localicen o inicio do mesmo.
Probas de selección accesibles
A accesibilidade nos procesos de selección, fomenta que haxa unha maior variedade de persoas candidatas que se presenten á oferta de emprego, favorecendo así unha maior diversidade de perfís profesionais, e aumentando as posibilidades de atopar a persoa idónea para o posto.
Antes de que a empresa reciba á candidata ou candidato ó posto, é importante que se asegure de se a persoa ten ou non necesidades de adaptación para asistir ás probas de selección e identificar cales. Estas posibles necesidades de adaptación son dúas, arquitectónica e cognitiva
.
Accesibilidade arquitetónica
A supresión de barreiras arquitectónicas posibilita a mobilidade pola comunidade e o acceso a edificios e zonas públicas. A accesibilidade arquitectónica é na que maioritariamente pensamos cando utilizamos a palabra “Accesibilidade”: ramplas, medicións, varandas, ancho de portas, pendentes, etc.
Cando unha persoa candidata menciona á empresa que ten necesidades de accesibilidade arquitectónica por mobilidade reducida, a empresa ten que realizarse a pregunta de: É a miña empresa accesible?
No caso de que as instalacións da empresa non sexan accesibles, non se deberá descartar á persoa candidata se pensamos que encaixa no perfil que se busca. Pódese procurar un lugar alternativo e que sexa accesible: instalacións e recursos públicos ou negocios privados onde se poida manter unha conversa destas características. Unha boa opción é preguntar á persoa candidata por un lugar accesible do seu coñecemento, que sexa acorde para realizar unha entrevista.
Accesibilidade cognitiva
A Accesibilidade cognitiva é aquela que facilita a comprensión da información e o entorno que nos rodea. Para adaptar as probas de selección, é necesario que as persoas encargadas de realizalas utilicen as seguintes pautas de comunicación accesible:
Asegurarse de ter a atención da persoa: Antes de comezar a falar e de dar información relevante, é necesario asegurarse de que a persoa está prestando atención.
Mirar de fronte: Mirar directamente á persoa, así como, poñerse á súa altura cando a persoa utiliza cadeira de rodas para falar con ela, facilita a comunicación entre as dúas persoas interlocutoras.
Falar de maneira habitual: Non é necesario exaxerar os movementos faciais, expresións e xestos, se non que se falará na forma habitual. Exaxeralos pode confundir máis á persoa.
Non tapar a boca: Manter a cara despexada facilita ó interlocutor a lectura de beizos se é necesaria, favorecendo a expresión e articulación das palabras.
Ton de voz natural: Manter un ton de voz natural e tranquilo, sen berrar. Cando falamos máis alto as nosas expresións e articulación vense modificadas dificultando a comprensión da información á persoa.
Cambiar a frase, se non se entende: Probarase a dicir de diferente forma utilizando un linguaxe sinxelo, frases curtas e claras.
Diríxete á persoa: Se a persoa ven acompañada, mirarase directamente á persoa, non ó acompañante (persoa de apoio, intérprete, etc.).
Busca un lugar tranquilo: Para facilitar a comunicación, procurarase un lugar tranquilo, sen distraccións ou ruídos, tendo en conta as características de accesibilidade mencionadas anteriormente.