Cambados

Situado na ría de Arousa e no val do Salnés atópase o municipio de Cambados. Un atractivo patrimonio que complementa a súa oferta turística coa ruta do viño Rías Baixas, as rutas de sendeirismo e actividades como o turismo náutico e mariñeiro, as festas populares e as numerosas ofertas gastronómicas e culturais.

Patrimonio marítimo

Cambados e o camiño de Santiago

Pola vila de Cambados discorre ademais un dos oito camiños de Santiago, “A Ruta marítimo-fluvial pola ría de Arousa e o río Ulla”. Esta conmemora a chegada, por mar, do corpo do apóstolo Santiago tras o seu martirio en Xerusalén, no ano 44.

O itinerario marítimo comeza na entrada da ría de Arousa e finaliza en Pontecesures e Padrón enlazando aquí co Camiño Portugués ata Santiago de Compostela.

Portos

Cambados conta cun pequeno porto deportivo que goza das comodidades que require a práctica de deportes náuticos. Desde o porto de San Tomé, realízanse rutas en kaiak pola costa de Cambados durante os meses de verán.

Paseos Marítimos

O paseo marítimo de Cambados, é moi frecuentado polos cambadeses e turistas, camiñando ou en bicicleta. Percorre, en aproximadamente 2km, a costa das tres antigas vilas de Fefiñáns, Cambados e San Tomé.

Historia

No século IX Cambados sufría os ataques de viquingos e normandos debido á súa situación privilexiada no centro da comarca do Salnés. Esta loita da poboación valeulle para que no ano 1170 Fernando II, Rei de León, lle concedera o título de “Moi Leal Vila” iniciándose entón un período de esplendor, que queda reflectido na multitude de pazos existentes no municipio pertencentes principalmente ao s. XVII e o s. XVIII.

Praza de Fefiñáns

A praza de Fefiñáns está formada polo pazo de Fefiñáns, a arco-ponte, a atalaia Torre da Homenaxe, e pola igrexa de San Bieito. Antigamente era coñecida como a praza do mercado, pois alí era onde se celebraba semanalmente

Torre de San Sadurniño

O descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago a principios do s. IX e o posterior levantamento da catedral, provocaron que xurdisen estas torres de vixía para defender a ría de Arousa e Compostela dos ataques de normandos e viquingos.

Por medio de fogueiras avisábase da chegada dos piratas á ría. A Torre da Lanzada enviaba o sinal de fume á Torre de San Sadurniño que o remitía  á Torre de Cálogo en Vilanova de Arousa  e esta, á súa vez, llo facía chegar ás Torres do Oeste en Catoira, pondo en estado de alerta e defensa a toda a comarca e a Santiago de Compostela.

As Ruinas de Santa Mariña Dozo

Situada aos pés do monte da Pastora, nas inmediacións dun antigo castro, atópanse os restos da antiga igrexa parroquial de Santa Mariña, patroa de Cambados.

De estilo gótico mariñeiro, presenta tamén trazos renacentistas. Consta dunha soa nave dividida por catro arcos transversais románicos, cinco capelas laterais, sacristía e capela maior.

Foi desteitada e abandoada por motivos políticos e relixiosos no s. XIX, trasladando a igrexa parroquial á igrexa do antigo convento de San Francisco, máis céntrica. Finalmente utilizouse como cemiterio parroquial.

Os seus restos foron declarados Monumento Nacional no ano 1943 e albergan hoxe en día “o máis melancólico camposanto do mundo” en palabras do escritor Álvaro Cunqueiro, gran admirador da vila cambadesa

Tradición vinícola

O sector vitivinícola é un dos principais dinamizadores da economía do Salnés, onde case cinco mil familias viven do cultivo de albariño, un dos produtos agrícolas máis exportados da nosa terra.

Cambados é coñecido como a “Capital do Viño Albariño”, sendo punto de partida da Ruta do Viño que acolle 22 adegas pertencentes á Denominación de Orixe Rías Baixas. Conta ademais co primeiro museo Etnográfico e do Viño en Galicia e un dos primeiros de España, e ca estatua en bronce do deus do viño na mitoloxía romana Baco, do escultor Francisco Leiro.

Aquí celébrase un dos festexos enogastronómicos máis antigos de España pois cada primeira fin de semana de agosto ten lugar a Festa do Viño Albariño, fundada en 1953 e declarada de Interese Turístico Nacional. Ao longo dunha semana de festexos danse cita concertos de grupos nacionais e internacionais, diferentes eventos lúdicos, deportivos e culturais

Cambados foi declarado Ben de Interese Cultural en novembro do 2001. Durante todo o ano a vila recibe gran cantidade de visitantes, grazas á súa variada oferta turística e cultural, pero é no verán cando ofrece máis posibilidades de lecer coincidindo coa celebración de festexos populares como a romaría de San Bieito, a mariñeira da Virxe do Carme ou as gastronómicas do Albariño e a exaltación da Vieira.