Ambar organiza unha xornada sobre recursos e trámites para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional

A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional estivo esta mañá no Centro de Interpretación dos Castros de Baroña celebrando unha xornada sobre recursos e trámites para mellorar a calidade de vida
O encontro, que deu comezo ás 11:30h, tivo como obxectivo principal achegar ferramentas clave á cidadanía para facilitar o acceso a servizos esenciais e, en última instancia, promover unha mellora na súa calidade de vida.

Un espazo de información e posta en común


Durante o evento, as persoas asistentes puideron afondar no coñecemento de diversos procedementos administrativos e recursos dispoñibles que, a miúdo, resultan complexos de xestionar. A xornada non só funcionou como unha sesión informativa, senón tamén como un espazo de diálogo onde se compartiron experiencias e se resolveron inquedanzas de xeito directo. A encargada de informar e resolver as dúbidas foi Raquel Lojo, traballadora social da Asociación Ambar.
Esta xornada enmárcase dentro dun conxunto de xornadas que se levará a cabo en varios concellos da contorna. Realízase grazas á financiación da Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Igualdade), ca cofinanciación de fondos europeos.