Ambar lanza Atención Diúrna Online

O luns 30 de marzo, Ambar empezou a prestar os seus servizos de Atención Diúrna dixitalmente para poder dar apoio ás persoas con diversidade que asisten ós Servizos de Centro de Día e Centro Ocupacional, e que na actualidade por mor do Estado de Alarma, están provisionalmente pechados.

Dende Ambar intentamos, que o peche dos servizos presenciais afecte o menos posible ás persoas con diversidade e ás súas familias.

As actividades que se propoñen a través de canles privadas de Youtube e Facebook, son moi diversas e intentan cubrir os servizos que xa se veñen prestando en modalidade presencial.

Así, as actividades que as persoas usuarias e as súas familias poden levar a cabo dende a semana pasada, son propostas grupais de estimulación cognitiva e psicomotriz, formativas, deportivas, artesanais ou artísticas; e tamén se está levando a cabo atención individual para darlle resposta a actuacións máis específicas. Así nas áreas de psicoloxía, fisioterapia ou traballo social se está atendendo individualmente ás persoas usuarias e ás súas familias. Mantéñense ademais seguimentos periódicos por teléfono para coñecer as necesidades que podan xurdir.

Se ben estas actividades están destinadas principalmente a persoas usuarias dos servizos de centro de día e ocupacional, iremos publicando aquelas das que a poboación con diversidade poida beneficiarse tamén.

Con esta iniciativa, intentamos traer algo de normalidade a esta situación de peche de servizos, para seguir avanzando na mellora das habilidades e da autonomía persoal das persoas con diversidade, aínda que sexa de maneira dixital.