A vila da Pobra do Caramiñal atópase nas tranquilas augas da ría de Arousa e resgardada polo monte da Curota. Lugar de xente do mar, anfiteatro natural da serra do Barbanza e escenario de vida e obra de Ramón Valle-Inclán.
A Pobra do Caramiñal
Patrimonio marítimo
Praias
Praia do Areal
Praia urbana, de augas tranquilas, area branca e fina, ideal para a práctica de deportes náuticos. A seguir, e ó outro lado da desembocadura do río Xundeirama, atópase a praia de Santo Antonio.
Praia da Lombiña – Cabío
É a praia mellor acondicionada canto ós servizos se refire: zonas de aparcamento, posto de socorro, merendeiro, restaurantes e empresas de actividades náuticas son algúns deles. Trátase dun areal resgardado, de augas tranquilas e area branca. Destaca a súa enseada en forma de cuncha e o seu paseo marítimo, con preciosas vistas sobre a ría da Arousa. Ocupación estival alta.
Praia da Illa – A Laxe
A tan só uns metros da praia da Lombiña-Cabío cara ó sur, atópase este fermoso areal de augas quedas, resgardado por un frondoso piñeiral. Trátase dunha praia familiar. Ocupación estival alta.
Praia da Barca
Cara ó norte, e separada da praia da Lombiña-Cabío por un rochedo, atópase a praia da Barca que, pola súa proximidade, comparte servizos coa anterior. Ideal para familias. Ocupación estival alta.
Praia da Corna
Trátase do areal máis extenso do termo municipal (1500 m aprox.) e, sen dúbida, dun dos máis virxes, pois conserva as súas lombas dunares con vexetación propia dos ecosistemas costeiros e conta cos servizos máis básicos (limpeza e accesos). Praia menos resgardada ca outras, pero de ondada tranquila. Ocupación estival media.
Piscinas naturais do Río Pedras
Co paso dos anos, o río Pedras foi esculpindo concas de gran beleza onde, logo da andaina que nos achega ata elas, o que máis apetece é un baño refrescante. Os saltos de auga e as pequenas fervenzas sucédense ó longo deste espazo de frondosa vexetación. Ademais, durante o percorrido, atópanse distintos vestixios patrimoniais que farán aínda máis interesante, se cabe, a visita.
Historia
O que hoxe en día é o concello da Pobra do Caramiñal é froito da unión de dúas localidades veciñas: A Pobra do Deán e a vila do Caramiñal.
Estímase que A Pobra do Deán foi fundada na primeira metade do século XIV a partir dun asentamento estacional de pescadores. Esta localidade estaba rexida pola Igrexa, concretamente por un deán do cabido compostelán, de xeito que A Pobra iniciou unha carreira como porto comercial e pesqueiro.
No século XVI, prospera a veciña localidade do Caramiñal, a cal recibiu o título de “vila” en 1554 por parte do cabaleiro Gómez Pérez das Mariñas. É nesta época de esplendor cando se constrúen os templos de Santa María a Antiga e a igrexa parroquial do Xobre, ademais da Torre de Bermúdez.
A unión de ámbalas dúas entidades tivo lugar en 1822, se ben é certo que non foi definitiva ata 1840. A partir de entón viñeron tempos de prosperidade para a nova Pobra do Caramiñal, pois no século XIX prodúcese unha reactivación da industria naval e das actividades pesqueira e portuaria, ligada á vangarda do sector conserveiro. Como lembranza desta época, permanece aínda parte do que fora o “barrio dos cataláns”, os cales se estabeleceron nos areais, e que pode considerarse como un dos primeiros polígonos industriais da zona e xerme da actual industria conserveira, que segue a ser un puntal económico tanto para A Pobra do Caramiñal coma para toda a comarca do Barbanza.
Rutas
Ruta cultural polo núcleo histórico
- Alicerces da torre do Deán (arquitectura medieval, sécs. XIV e XV).
- Calzada empedrada. Infraestrutura da Idade Moderna (séc. XVIII)
- Cruceiro do adro de Santiago da Pobra do Deán (séc. XVIII).
- Igrexa de Santiago da Pobra do Deán (sécs. XIV-XIX).
- Pazo do Couto (sécs. XVIII e XIX).
- Casa grande de Aguiar (sécs. XVI e XIX)..
- Antiga Escola de Artes e Oficios (arquitectura modernista, séc. XIX).
- Casal dos Montenegro-casa do Cuadrante (séc. XIX).
- Casa da estrela (arquitectura medieval, sécs. XIV-XV
- Casa de Rábago Paseiro (séc. XVIII).
- Fonte do antigo peirao (séc. XIX).
- Antigo cine Elma (arquitectura racionalista, séc. XX
- Casa gótica do Patín (arquitectura medieval sécs. XV-XVI
- Hospitaliño de peregrinación (séc. XVII).
- Antiga pousada (séc. XVIII)..
- Casa con patín (arquitectura tradicional, sécs. XVIII-XIX).
- Urbanismo do primeiro PXOM (arquitectura ecléctica, sécs. XIX-XX).
- Igrexa de Sta. María a Antiga do Caramiñal (sécs. XVI e XVIII).
- Casa do concello (arquitectura ecléctica, séc. XIX).
- Praza do Cristo do Pichón (séc. XVIII).
- Casa da cadea (séc. XVIII).
- Barrio dos cataláns. Tránsito da industria de salgadura á conserveira (séc. XIX).
- Escultura en bronce: Pescantina, de Gonzalo Sánchez Mendizábal (2001).
- Torre de Bermúdez (séc. XVI).
- Escultura en bronce. D. Ramón del Valle-Inclán, de Gonzalo Sánchez Mendizábal (2002).
- Antiga taberna (arquitectura medieval, séc. XV-XVI
- Casa do pincho (arquitectura tradicional, séc. XVIII).
- Xardíns Valle-Inclán (1.ª metade do séc. XX).
- Antigo casino e Teatro Principal (séc. XIX).