A pintura de María Eugenia Reiriz e a danza inclusiva de ‘Elas’ protagonizan unhas xornadas cargadas de emoción e compromiso social
A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, participou nas diversas accións realizadas polo 8M na Comarca, asistindo a actividades que se levaron a cabo en distintos Concellos da Barbanza.
Ribeira: Unha viaxe polas voces femininas
O Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira inaugurou con éxito a III Mostra de Mulleres Creadoras, unha cita que xa se consolidou como un referente na axenda cultural ribeirense. Nesta edición, a obra da artista María Eugenia Reiriz capturou todas as miradas.
A súa arte destaca pola súa forza emocional, especialmente co retrato de Rocío Jurado, que preside unha serie dedicada ás grandes voces que marcaron a traxectoria vital e artística da autora. Dende a maxestuosidade de Celine Dion ata o temperamento de Lola Flores, a obra da artista de Ambar ofrece un percorrido visual pola forza de mulleres icónicas.


Boiro: Escena sen etiquetas pola diversidade
O Concello de Boiro foi testemuña dun fito de inclusión e artes escénicas. O grupo ‘Elas’, da Asociación Ambar, compartiu escenario cas artistas de Cenpliés nunha peza única onde o movemento e a música serviron de altofalante para os seus soños.
Esta colaboración reivindicou a autonomía e a visibilidade das persoas con diversidade funcional, demostrando que o talento non entende de etiquetas. Como se subliñou durante o acto, o obxectivo é que a diversidade sexa “un valor que sempre sume e que abra camiños para todas”.

Ambar e Congalsa suman esforzos para visibilizar o papel fundamental da muller tanto no ámbito social como no laboral, especialmente nunha xornada tan significativa como o Día Internacional da Muller.
Como símbolo desta unión, varias usuarias de Ambar fixeron entrega de plantas conmemorativas ó persoal de Congalsa. Este xesto, cargado de simbolismo, pretende honrar a loita pola igualdade e destacar a forza das mulleres que superan barreiras a diario.
María, Sandra, Araceli, Noe, Mónica, Sonia, Victoria e Manola manifestaron o seu orgullo por representar a Ambar nesta entrega, compartindo un intre de sororidade e recoñecemento cas traballadoras de Congalsa.


Unha alianza consolidada pola inclusión
A relación entre Congalsa e Ambar vai moito máis alá dunha efeméride. A compañía colabora estreitamente con proxectos clave da asociación, como a estrea da súa tenda online, onde se comercializan produtos artesáns elaborados polas persoas usuarias, fomentando así a súa autonomía económica e creativa.
