A VI Carreira pola Diversidade – Virtual. Abre as súas inscricións!

Xa están abertas as inscricións para a VI Carreira pola Diversidade, sendo este o noso sexto ano consecutivo. A proba terá lugar o domingo 19 de xullo do 2020. Nesta ocasión dada a situación de alarma sanitaria, a carreira realizarase de maneira individual.

A “Carreira pola diversidade” desenvólvese coa intención de servir de inspiración a todas as persoas con diversidade funcional que ven limitada a práctica deportiva na súa comunidade.

A diferencia dos anos anteriores, cada deportista realizará a proba na súa propia vila, elixindo a ruta de 5 km que prefira, e remitíndoa posteriormente á organización cunha valoración da accesibilidade percibida segundo os criterios de valoración indicados pola entidade. O reto nesta edición consistirá en rexistrar circuítos accesibles para a práctica deportiva ao aire libre en todos os concellos de Galicia e outros fóra dela, polo que non se dará relevancia aos tempos de execución senón á accesibilidade e calidade dos mesmos.

As probas poderán desenvolverse ao longo de todo o día. As persoas participantes deberán subir unha foto ao iniciar o percorrido na súa conta de Facebook, e etiquetarnos. Ao longo das vindeiras semanas colgaremos nas nosas redes sociais e páxina web información e recomendacións para levar a cabo a carreira. Ante calquera dúbida xa podedes consultar o regulamento da carreira.

Inscricións

A inscrición poderá facerse en Galitiming. Ademais, nesta mesma páxina web, existe a posibilidade de facer a inscrición do “Dorsal 0” e colaborar de maneira solidaria neste evento.

A cota de inscrición é de 5 € e a recadación será destinada á adquisición de material para a prevención do contaxio por COVID-19, para as persoas con diversidade intelectual.

As modalidades de inscrición son as seguintes:

  • Modalidade 5.000 m Zapatilla
  • Modalidade 5.000 m Hand Bike.
  • Modalidade 5.000 m Cadeira de atletismo.
  • Modalidade andaina (menos de 5.000 m)

Share your thoughts